lunes, 20 de mayo de 2013

Os universos ordenados de Charley Harper

"Cando miro a natureza non vexo as plumas nas ás, só contan as ás. Vexo formas interesantes, combinacións de cores, patróns, texturas, comportamentos fascinantes e unha morea de posibilidades para facer debuxos interesantes. Vexo os debuxos sen partes inútiles e aquí radica o atractivo do debuxo: nun mundo de caos o debuxo é un pequeno rectángulo no que o artista pode crear un universo ordenado".


Charley Harper (1922-2007) criouse nunha granxa de Virxinia Occidental, unha zona destacada pola riqueza da súa biodiversidade e as súas marabillosas paisaxes, tanto que popularmente a denominan Almost Heaven (case o ceo). Seguramente alí, rodeado de inmensos bosques poboados de animais naceu o seu amor pola natureza, a grande protagonista das súas obras. Harper abandonou as colinas de Virxinia para estudiar arte na Cincinnati Art Academy, onde coñecería a súa muller e anos máis tarde ensinaría ilustración.

Tralo seu inicial interese polo realismo sinteu que a obsesión por intentar acadar a mímese perfecta e a ilusión da tridimensionalidade non facía máis que restrinxir as posibilidades do debuxo. De seguido deixou de lado esta tendencia para decantarse polo que el mesmo definiría como “realismo minimalista”.


O traballo de Harper caracterízase pola simplificación das formas. Como se tratase de sacar a relucir o que verdadeiramente existe baixo a confusión da superficie, captura a esencia dos seres vivos sen reparar nos detalles, mediante composicións baseadas en formas xeométricas e un código de liñas rectas e curvas. Isto, sumado ó emprego que fai da cor, fai que as súas imaxes sexan delicadas e ó mesmo tempo vibrantes.

O legado de Charley Harper é inmenso. Ó longo da súa carreira ilustrou numerosos libros, traballou no campo da publicidade, colaborou con revistas, deseñou murais, etc.

Entre os títulos ós que puxo imaxes atópanse, por exemplo, "The Giant Golden Book of Biology" (1961) ou "Animal Kingdom" (1968), ambos destinados ó ensino medio. Nestes volumes ilustra temas relacionados con anatomía, xenética, mirobioloxía e, por suposto, centos de animais.



  




Especialmente significativa é tamén a súa colaboración durante case corenta anos (1948–1982) coa Ford Times, revista mensual producida pola Ford Motor Company entre 1908 e 1996.


Incluíndo evidentemente un espacio de información promocional dos vehículos Ford, reservaba un lugar moi destacado a artigos sobre destinos interesantes dende o punto de vista da práctica deportiva, o ocio ou a historia. O carácter da revista e a longa e estreita relación cos responsables da mesma permitiulle obter outras comisións e experimentar libremente mentres traballaba nunha extensa variedade de temas. O resultado: arredor dun cento de artigos ilustrados e unhas trinta cubertas, ademais da publicación de edicións de serigrafías cos paxaros como protagonistas.



"Algúns queren contar tódalas plumas das ás e outros nunca pensan en contalas, coma min".

No hay comentarios:

Publicar un comentario