jueves, 17 de octubre de 2013

Tammis Keefe

1933-1934: Chicago acolle unha Feira Mundial para celebrar o centenario da cidade. Unha visita ó Chicago Arts Institute durante este evento cambia a vida de Margaret Thomas Keefe (1913-1960), máis coñecida como Tammis Keefe. A partires deste momento abandona os seus estudios de matemáticas e encamiña a súa formación cara a pintura no que hoxe é o California Institute of the Arts.


Durante a II Guera Mundial combinou os traballos de publicidade e packaging coa dirección artística da revista Arts&Architecture. Keefe destacou de seguido polo seu talento, que non pasou desapercibido para Dorothy Wright Liebes, deseñadora de textiles considerada a nai do tecido moderno, que lle ofreceu un posto como colorista e deseñadora nos seus estudios, primeiro en San Francisco e logo en Nova York.



 Pódese dicir que a súa época dourada comeza nos anos 40, a raíz dun agasallo para unha amiga. Keefe deseña un pano da man para regalarlle polo seu aniversario e esta sería a que se encargaría de dalo a coñecer ante Lord&Taylor e J.H. Kimball, grandes referentes na industria textil nos Estados Unidos. Kimball encargou 6 deseños e ante a fantástica acollida do público Keefe non frenou a súa actividade, realizando centos de proxectos entre 1944 e 1960. Aínda que a súa producción abarcou distintos campos -panos para a cociña, fulares, papel de parede, manteis, servilletas, postais navideñas, xogos de cartas, cristalerías, vaixelas, cortinas, tapizados, roupa de cama...- o seu producto estrela, sen dúbida, serían os panos da man. 



Todo partía dun deseño a lapis en papel cebola que transfería a través dunha caixa de luz ou papel de calco á superficie que logo coloreaba mediante acuarelas -normalmente en 4 ou 5 cores- e que se empregaría como orixinal para a impresión dos tecidos en liño. Os temas dos seus panos son variopintos: dende aqueles inspirados polas súas viaxes -Oriente, Asia, Europa, cidades americanas...-, ata todo tipo de animais, plantas, flores, música, seres mitolóxicos, antigüidades, oficios, e por suposto, edicións especiais para Nadal, Pascua, San Valentín, calendarios, cumpreanos....



 Nunha época na que entraba con forza o "usar e tirar" do kleenex co seu lema "Don't Carry a Cold in Your Pocket ", os compradores esperaban ansiosos os novos deseños de Keefe, que chegaron a converterse en auténticos obxectos de colección utilizados incluso para decorar as casas. A firma de Keefe nos panos era un éxito asegurado e, aínda que tamén realiza traballos baixo a sinatura de Peg Thomas, non podían venderse na mesma liña que os Tammis Keefe. 



Evidentemente as claves deste éxito foron o talento e os deseños de Keefe, a súa frescura e o seu dominio da cor; pero a pesar disto non deixaba nada á improvisación. Aínda que traballaba sen un equipo, contratou unha famosa publicista da industria da moda, Rea Lubar, que axudou a dar un empuxón se cadra aínda máis forte á súa carreira. Mediante notas de prensa que se difundían a diversos xornais en Estados Unidos e Canadá nas que se destacaba a importancia destes accesorios de moda e o estilo revolucionario de Keefe, mantivo a súa figura e deseños no centro de atención . 



A pesar da enorme repercusión na época e da gran cantidade de obra realizada na súa corta traxectoria, hoxe en día non hai demasiada información sobre esta fantástica artista.


Para ver máis exemplos dos seus deseños de panos da man, manteis e panos de cociña: http://www.tammiskeefe.com/

No hay comentarios:

Publicar un comentario