Que mellor para escapar destas xornadas de diluvio universal que darnos unha volta por Roma, Hong Kong, Nova York, París... ? ou mesmo deixarnos arrastrar ás viaxes espaciais con saída en Cabo Cañaveral? Todo isto e moito máis podemos facelo da man dos case 20 "libros-guía" do ilustrador checo Miroslav Sasek (Praga, 1916-1980) que integran a serie "This is...".
Sasek tiña claro que el de maior quería ser artista. Sen embargo, a oposición dos seus pais faría que nun principio se conformase cos estudios en arquitectura. Os anos pasan e en 1948, cando o partido comunista chega ó poder no seu país natal, trasládase a Munich onde residirá gran parte da súa vida.
A súa faceta como ilustrador comeza a finais dos anos 40, pero cobrará forza a partires de 1959. Nunha viaxe a París observou que os pais que viaxaban cos seus fillos estaban totalmente absorbidos polo rol de turistas e decidiu crear unha obra dirixida ó público infantil coa que aproximar ós rapaces non só á historia das cidades, senón invitalos a recrearse tamén nas curiosidades de cada lugar. Así nace "This is...", inicialmente concibida como unha serie de tres libros: This is Paris, This is London e This is Rome. O éxito rotundo co que foron acollidas, fíxo que Sasek prolongase este proxecto ata o ano 1974, firmando un total de 18 títulos dos que tan só rompen o esquema común de "guía de viaxes" os volumes adicados ás Nacións Unidas e This is Historical Britain, logo retitulado This is Britain.
Tódalas viaxes de Sasek seguen unha estructura máis ou menos común, primeiro visitando os lugares dos que oeu falar ou sobre os que leu, para logo apropiarse da curiosidade propia dun neno e iniciar unha verdadeira tarefa exploradora na que cobran forza as particularidades e pequenos detalles que fan única cada cidade, indo moito máis aló do "monumento estrela". Si, as cidades de Sasek están habitadas por monumentos, pero tamén por persoas, os seus oficios, a súa comida, as súas tendas, pequenas estradas, medios de transporte... Todo isto plasmado cun fantástico e divertido estilo que convirte estes volumes en auténticas xoias.
+ info: http://www.miroslavsasek.com/
+ info: http://www.miroslavsasek.com/
No hay comentarios:
Publicar un comentario