lunes, 20 de mayo de 2013

Os universos ordenados de Charley Harper

"Cando miro a natureza non vexo as plumas nas ás, só contan as ás. Vexo formas interesantes, combinacións de cores, patróns, texturas, comportamentos fascinantes e unha morea de posibilidades para facer debuxos interesantes. Vexo os debuxos sen partes inútiles e aquí radica o atractivo do debuxo: nun mundo de caos o debuxo é un pequeno rectángulo no que o artista pode crear un universo ordenado".


Charley Harper (1922-2007) criouse nunha granxa de Virxinia Occidental, unha zona destacada pola riqueza da súa biodiversidade e as súas marabillosas paisaxes, tanto que popularmente a denominan Almost Heaven (case o ceo). Seguramente alí, rodeado de inmensos bosques poboados de animais naceu o seu amor pola natureza, a grande protagonista das súas obras. Harper abandonou as colinas de Virxinia para estudiar arte na Cincinnati Art Academy, onde coñecería a súa muller e anos máis tarde ensinaría ilustración.

Tralo seu inicial interese polo realismo sinteu que a obsesión por intentar acadar a mímese perfecta e a ilusión da tridimensionalidade non facía máis que restrinxir as posibilidades do debuxo. De seguido deixou de lado esta tendencia para decantarse polo que el mesmo definiría como “realismo minimalista”.


O traballo de Harper caracterízase pola simplificación das formas. Como se tratase de sacar a relucir o que verdadeiramente existe baixo a confusión da superficie, captura a esencia dos seres vivos sen reparar nos detalles, mediante composicións baseadas en formas xeométricas e un código de liñas rectas e curvas. Isto, sumado ó emprego que fai da cor, fai que as súas imaxes sexan delicadas e ó mesmo tempo vibrantes.

O legado de Charley Harper é inmenso. Ó longo da súa carreira ilustrou numerosos libros, traballou no campo da publicidade, colaborou con revistas, deseñou murais, etc.

Entre os títulos ós que puxo imaxes atópanse, por exemplo, "The Giant Golden Book of Biology" (1961) ou "Animal Kingdom" (1968), ambos destinados ó ensino medio. Nestes volumes ilustra temas relacionados con anatomía, xenética, mirobioloxía e, por suposto, centos de animais.



  




Especialmente significativa é tamén a súa colaboración durante case corenta anos (1948–1982) coa Ford Times, revista mensual producida pola Ford Motor Company entre 1908 e 1996.


Incluíndo evidentemente un espacio de información promocional dos vehículos Ford, reservaba un lugar moi destacado a artigos sobre destinos interesantes dende o punto de vista da práctica deportiva, o ocio ou a historia. O carácter da revista e a longa e estreita relación cos responsables da mesma permitiulle obter outras comisións e experimentar libremente mentres traballaba nunha extensa variedade de temas. O resultado: arredor dun cento de artigos ilustrados e unhas trinta cubertas, ademais da publicación de edicións de serigrafías cos paxaros como protagonistas.



"Algúns queren contar tódalas plumas das ás e outros nunca pensan en contalas, coma min".

miércoles, 15 de mayo de 2013

Érase unha vez...

Érase unha vez Carapuchiña vermella, Hansel e Gretel, Brancaneves e os sete ananiños, O Lobo e os sete cabritos e A bela durminte.

Todos coñecemos estes contos principalmente a través da labor que levaron a cabo os irmáns Grimm no século XIX. Recopilaron e adaptaron relatos da tradición oral alemana dulcificando unhas narracións inicialmente destinadas a un público adulto ata convertelas en contos infantís de final feliz. 
Milleiros de edicións ilustradas dan vida a estas historias. Hoxe achegámonos a elas a través dun particular soporte: selos postais alemáns emitidos entre 1960 e 1964.





martes, 7 de mayo de 2013

Yo!Irene

YoIrene colecciona imaxes, libros de gravados e todo tipo de obxectos rescatados de mercados que alimentan a súa inspiración. YoIrene é Irene Rinaldi, unha xoven ilustradora romana (1985).



Dende pequena aproxímase á arte da man do pintor Franco Venanti e de seguido esperta nela a curiosidade polas técnicas tradicionais e manuais. Estudia ilustración no Instituto Europeo de Deseño de Roma e alí comeza a interesarse especialmente polo mundo do gravado.


No ano 2008 funda con outras catro artistas o colectivo Arturo, un estudio creativo que se ocupa de ilustración, deseño gráfico e gravado tanto para o mundo editorial, como para eventos culturais, deseño web, etc. Durante esta etapa, que se prolonga ata que decide abandonar o grupo no ano 2012, desenrola a súa paixón pola incisión, que se convertirá no seu principal medio de expresión. A partires deste momento concéntrase nas técnicas tipográficas e de gravado, combinando os traballos como ilustradora freelance nos máis diversos ámbitos -editoría, web, publicidade, moda- con pequenas autoedicións de estampas e libros.


Aínda que en ocasións se decanta polo uso de lapis e as tintas, a técnica principal nos seus traballos é o gravado sobre linóleo. Tamén coñecido como linogravado, trátase dunha técnica de estampado en relevo variante da xilografía. A prancha traballase con gubias ou coitelas de modo que as zonas incisas permanecerán brancas e serán as zonas altas as que virán impresas tralo paso polo tórculo, dando como resultado pezas de fortes contrastes. A artista destaca deste medio a relación tan directa e física coa obra, froito dun método de traballo instintivo baseado no xesto.

Como exemplo desta forza expresiva rematamos con "Marinade" (2012), un pequeno libro totalmente feito a man que resume perfectamente o modus operandi de YoIrene.





























viernes, 3 de mayo de 2013

Uncle Torys

Ilustrador, animador e apaixoado dos barcos. Esta é a tarxeta de presentación de Ryohei Yanagohara (Tokyo, 1931).
 
Despois de graduarse na escola de arte da súa cidade natal en 1954, entra a formar parte do departamento de publicidade da compañía Suntory, unha das máis antigas distribuidoras de bebidas alcólicas de Xapón. Ryo –así é como asina as súas obras- traballa como editor da revista “Yoshu Mame Tengoku” -algo así como "un pouco de licor do paraíso"-, que se podía ler normalmente no Bar Torys de Tokyo e que tiña un impacto cultural bastante importante naquel momento. 



Neste periodo nace a súa faceta de animador e con ela Uncle Torys, protagonista dos divertidos anuncios do whisky Suntory. Esta carismática personaxe de nariz puntiagudo pasará a convertirse na imaxe por exelencia non só da compañía, senón que trascenderá a súa orixe publicitaria e consolidarase coma icona do período de postguerra en Xapón. 












Cara o 1959 Ryohei deixa a Suntory para traballar como artista freelance e un ano máis tarde funda, xunto o animador Youji Kuri e o ilustrador Hiroshi Manabe, a Animation Sannin No Kai (“Tres persoas en animación”). Desta asociación xorde un festival de animación ó cal aportarán as súas propias experimentacións neste campo. 


A partires deste momento, Ryo plasma sobre papel a súa paixón polos barcos con traballos para a compañía naval Mitsui O.S.K. Lines. Son numerosísimas as ilustracións que publicitan os servizos e tipos de navíos da empresa, sempre seguindo o peculiar estilo do autor. Ademais, Ryohei deseña o caimán que se convertirá en emblema do servizo de colectores das liñas O.S.K. O especial entusiasmo do autor polas embarcacións e a estreita relación coa empresa fai que o nomeen Capitán de Honor no ano 1969 e que aínda hoxe ocupe un lugar destacado na web da compañía, cun espazo adicado ó “Museo Ryohei Yanagihara“

  






Ó longo da súa traxectoria Ryohei tamén realiza ilustracións e portadas de libros. 










Conservador e fiel en canto a estilo, pero dinámico e experimentador en medios, Ryohei Yanagihara consolidouse como unha das figuras máis importantes da animación xaponesa dos 60's.