martes, 18 de junio de 2013

De maior quero ser turista: Maurice Laban

Hoxe inauguramos "De maior quero ser turista", unha sección adicada a postais, carteis ou calquera tipo de ilustración creada para promocionar viaxes ou simplemente amosar ó resto do mundo as particularidades de determinadas cidades ou países.

O invitado de hoxe é Maurice Laban, que realiza en 1959 estas maravillosas ilustracións sobre países europeos nas que representa o traxe tradicional, edificios icónicos ou outros estereotipos asociados a cada rexión.
Unha boa forma de viaxar gratis...












 


jueves, 6 de junio de 2013

Os soños según Grete Stern


Grete Stern (1904-1999) comezou a súa andaina artística estudiando artes gráficas en Stuttgart (Alemania). A visita a unha mostra determinou a súa traxectoria, que a partires deste momento se encamiñou cara a fotografía, inspirada polos traballos dos americanos Edward Weston e Paul Outerbridge. 


Foi en Berlín onde comezou a dar os primeiros pasos nesta disciplina, grazas ás leccións privadas impartidas por Walter Peterhans e o estudio de deseño gráfico e publicidade - Ringl+pit - que creou xunto coa tamén fotógrafa Ellen Rosenberg. Sería o propio Peterhans o que a animaría a continuar baixo as súas ensinanzas no taller de fotografía ó seu cargo na Bauhaus en Dessau entre 1930 e 1933.
Estes serán anos clave na vida de Grete Stern, tanto a nivel formativo como persoal. Neste centro de efervescencia artística empápase de coñecementos e comeza a relacionarse co fotógrafo arxentino Horacio Coppola, o seu futuro marido e socio. 


Xudía e de esquerdas, coa chegada de Hitler ó poder viuse obrigada a emigrar a Inglaterra ó mesmo tempo que a Bauhaus pechaba as súas portas. Tras montar un novo estudio, casa en 1935 e viaxa a Arxentina co seu marido, onde se asentará definitivamente acadando a cidadanía en 1958. Stern e Coppola traballaron xuntos converténdose en axentes clave no proceso de modernización das artes visuais neste país. 



Na obra de Stern abundan os retratos, así como imaxes documentais e reportaxes urbanas sobre Bos Aires ou os últimos indíxenas arxentinos. Sen embargo, especialmente interesante é a súa serie “Sueños”, á que pertencen tódalas imaxes desta entrada. 


“Sueños” son cerca de 150 fotomontaxes realizadas entre 1948 e 1951 e publicadas na revista Idilio, unha popular producción semanal dirixida ó público feminino que destacaba especialmente polo espacio adicado ás fotonovelas, ademais dos artigos relacionados coas tarefas domésticas e cosmética. As obras de Stern acompañaban a modo de ilustración os textos da sección “El psicoanálisis le ayudará”, onde o sociólogo e director da revista Gino Germani  interpretaba os soños que as lectoras enviaban á redacción baixo o seudónimo de Richard Rest.



Tomando como protagonistas a amigos, familiares e veciños e sumando paisaxes e obxectos do seu arquivo, Grete Stern representou os soños dunhas mulleres reprimidas e sumisas ante a xerarquía social establecida, dando lugar a un traballo profundamente crítico sobre os valores dominantes en canto á situación da muller na sociedade arxentina da época. Para facer a súa particular interpretación dos soños, Stern decide que a fotomontaxe é a técnica perfecta para capturar este universo onírico grazas ás súas posibilidades narrativas, dando como resultado unhas imaxes inquedantes e angustiosas que absorben o espírito da vangarda surrealista.