viernes, 19 de abril de 2013

Se la pioggia fosse...

Se a choiva fose... de Bitter Campari, diría Fortunato Depero (1892-1960). 

Artista italiano multidisciplinar adherido ó movemento futurista, tocou ó longo da súa carreira o campo da pintura, escultura, decoración, deseño de vestiario para teatro/danza... e, sen dúbida, foi o máximo expoñente do cartelismo publicitario futurista. 


Vangardas históricas e utopía son conceptos que camiñan da man. Na "filosofía" das chamadas vangardas constructivas -como pode ser o Futurismo, o Constructivismo Ruso, o Neoplasticismo ou a Bauhaus- o papel da arte era decisivo para a transformación da sociedade e a chave para un futuro mellor. Unha das máximas aspiracións era anular a diferencia entre arte e vida, chegando a unha simbiose total a través dunha nova arte que permitise dar forma a unha realidade afastada do pasado, ben mediante unha nova estética, ben dende a apertura cara novos campos: moda, deseño industrial, mundo editorial, etc. 

Marinetti sentou as bases do futurismo no Manifiesto publicado en 1909, proclamando unha radical ruptura co pasado, apostando pola modernidade e a fé no progreso e a técnica. Trala morte de Boccioni o futurismo entra nunha segunda fase na que se reafirma a idea de reconstrucción total, desenrolada no manifiesto “Ricostruzione futurista dell’universo”, firmado por Giacomo Balla e o propio Depero en marzo de 1915. 

Neste contexto, a publicidade foi vista polos futuristas como a aliada perfecta. Unha nueva arte para un novo mundo moderno, ligado directamente á industria e ós avances tecnológicos e que ademais achegaba a arte á vida cotiá.  Por todas estas razóns a publicidade constituía o campo ideal para reconstruír de cero as bases da práctica artística. 

Fortunato Depero mostrou un especial interese pola experimentación coa publicidade, que cristalizou en distintos modos: a través da auto propaganda, a “arquitectura publicitaria” e os numeros traballos comisionados por distintas empresas. 

En 1919 funda en Rovereto a Casa d’Arte Futurista, hoxe unha das sedes do Museo de arte moderno e contemporáneo de Trento e Rovereto. Concibida como unha especie de oficina-estudio-taller, proxecta e realiza xunto a súa muller obras de gráfica publicitaria, mobles, vestiario, tecidos, etc. Para promocionar este concepto, que exportará a Nova York, realiza numerosos traballos de auto propaganda, xa que segundo Depero o artista necesitaba ser recoñecido, valorado e glorificado en vida, polo que tiña dereito a empregar tódolos medios para publicitar o seu propio xenio e as propias obras.

Depero rompeu a barreira entre pintura-publicidade e arquitectura-publicidade. No primeiro caso grazas ó seu chamado cadro publicitario “Squisito al selz” (1926) onde dúas personaxes saborean un bitter de Campari. No segundo, a través da súa experimentación en canto á proxección de espacios promocionais, coñecidos como “pavillóns publicitarios” ou “pavillóns tipográficos” onde os caracteres que forman as palabras funden publicidade e arquitectura.





Ó mesmo tempo Depero colabora nas campañas publicitarias de diferentes empresas italianas: Alberti (licor Strega), Schering (analxésico Veramon), San Pellegrino (Auga e Magnesia), Unica (chocolate), Verzocchi (ladrillos refractarios)… e, por suposto, con Davide Campari. A relación continuada con esta empresa entre 1925 e 1931 fai que case poidamos falar dun mecenado moderno, que consitúe un caso excepcional na publicidade italiana. Depero realiza numerosísimos carteis publicitarios para esta empresa e incluso deseña en 1932 a que aínda é hoxe a botella de Campari Soda. Como cumio desta relación publica en 1931 o“Numero Unico Futurista Campari”, o seu manifesto sobre arte publicitaria.











Depero non só traballou en Italia, senón que se trasladou a Nova York entre os anos 1928 e 1930. Leva con el o concepto de Casa d’arte futurista –agora Depero's Futurist House- e continúa a súa carreira publicitaria co deseño das campañas para o lapis Venus da American Lead Pencil ou os almacéns Macy's. Ademais desenrola a súa faceta editorial realizando ilustracións e portadas -algunhas delas non publicadas- para revistas como Vogue, Vanity Fair, Sparks, The New Auto Atlas, The New Yorker, Dance Magazine ou Movie Makers








Ó longo dos anos Depero crea unha iconografía persoal poblada de figuras xeométricas, grandes campos de cor e tintas planas. Unha linguaxe sintética e dinámica que abre as portas da gráfica moderna.